Unha primeira aproximación

Acabada a II Guerra Mundial produxéronse importantes cambios políticos a escala mundial. Nesa nova orde, as potencias coloniais de entón decidiron concederlle-la independencia a boa parte dos territorios que dominaban.

Aínda que puderase pensar nun xesto altruista por parte dos gobernos de Francia, Reino Unido, Países Baixos… realmente supuxo en moitos casos un refinamento no modo de explotación. Fronteiras artificiais, feitas claramente con escuadra e tiraliñas, e febles gobernos, en primeira instancia serviron ás capitais que os dominaran durante séculos coas ventaxas que xa tiñan e sen as molestias de preocuparse por cidadáns que nunca deixaran de ser de segunda e que co progreso reclamaban con mais forza, e en moitos casos, coas armas, a súa autodeterminación.

Esta febleza facilitou máis tarde que as dúas superpotencias na guerra fría, Estados Unidos e a Unión Soviética, utilizaran África como moi rentable campo de bataia: por unha banda, resolvían as diferencias ideolóxicas sen destruí-lo seu propio territorio, como tamén fixeron en Sudamérica e no Sureste Asiático; por otra parte, as riquezas minerais do continente africán eran demasiado tentadoras para dous colosos en competición. Así, creáronse ou potenciáronse conflictos, armáronse ós contendentes, e o pago polas armas foi en forma de petróleo, diamantes… que se entregaron na man dos instigadores ou como concesións de explotación a empresas que hoxe en día son máis poderosas que moitos paises.

Actualmente a situación mellorou só en parte tra-lo fin da Guerra Fría. En países como Angola a paz chega pouco a pouco, pero quedan como efectos de tantos anos de guerra campos minados moi costosos de recuperar para a agricultura, milleiros de mutilados, e novas potencias (estados ou empresas) con novos intereses que deciden se é interesante que haxa estabilidade ou non nas rexións que operan. Os negocios tamén cambian, agora non só se trata da explotación dos importantes recursos naturais, senon tamén a liquidación das armas excedentes dos dous bloques, a venta de tecnoloxía obsoleta, proibida en occidente, a creación de lobbys ó servicio das superpotencias nos circos internacionais, a esclavización a traveso da dependencia tecnolóxica como é no caso de productos modificados xenéticamente, que, baixo sospeita en occidente, son introducidos en África servindo agora ademáis o continente como un gran laboratorio.

Paradóxicamente as sociedades occidentais rexeitan este novo modo de escravitude, pero non os beneficios económicos que obtéñense do sangue africán.

Por que non sabemos, ou porque non queremos saber, decidimos que a culpa das calamidades dos países en vías de desenvolvemento están única e exclusivamente no retraso social e cultural dos indíxenas. Ás veces facemos un esforzo de esmola co que lava-la nosa conciencia, cando na televisión vemos a nenos morrendo de fame. Poucas veces nos preguntamos a onde van parar os minerais que saen en cargueros dos grandes portos do continente,e tampouco reparamos na orixe da fabricación das armas que soan nos ceos dunha fermosa terra que a pesares de todo, intenta conserva-la pouca inocencia que lle queda.

Sorprendería a moitos saber que na vida cotiá todos intervimos nestes conflictos. Ás veces, é difícil seguirlle o rastro ós materiais preciosos cos que fabrican os circuitos das nosas computadoras. Noutros casos, cómpre ler algo máis, pero non moito, que a sección de deportes do xornal para descubrir que o combustible que consume o noso coche o mercamos máis barato porque a multinacional que o proporciona mantén unha dictadura que lle facilita as cousas. A nosa responsabilidade está tamén cando votamos ós políticos que consinten que a fabricación de armas para o lexítima defensa do noso territorio convértase en negocio a gran escala para algúns que non coñecemo-los seus nomes, ou os que consinten que determinadas empresas nos convirtan na outra parte do seu negocio (a que pon os cartos).

Coas nosas dúas mans non podemos parar guerras, cos nosos dous ollos e ouvidos non podemos acadar todo o coñecemento do obscuro entramado que pretende perpetuar una situación inxusta. Pero aínda así o noso deber como cidadáns é informarnos, ata onde os medios e incluso as nosas botas nos permitan, do mundo que nos rodea, e actuar en consecuencia con firmeza no que podamos. A forza dunha persoa soa é moi limitada. A forza da masa acrítica é fácil de canalizar. Pero a forza dun amplio conxunto de individuos con pensamento crítico e conscientes do momento histórico en que viven sí pode provocar cambios cara un mundo mais xusto.

Esta introducción ven a xustificar o que intentamos sexa unha pequena fiestra neste boletín a eses conflictos dos que nos medios de comunicación de masas se lles adica pouco ou ningún tempo, eses que ós poderes fácticos do paísnon interesa que a xente os coñeza polas razóns que explicamos, porque prefiren que só nos centremos nos que a eles lles interesa, ou porque, sen máis, os comunicadores non os consideran rentables.